sábado, 9 de febrero de 2008

Ilustrando unha ilustración - Illustrating an illustration

Hai un ano (máis ou menos) a AGPI propuxo que os debuxantes fixesemos unha ilustración, e que despois un escritor "ilustrase" a nosa imaxe cun texto. Vamos, ao revés que de costume. Todos descubrimos que non era nin tan raro, nin moito menos ilóxico. Saíron cousas fabulosas. No meu caso fíxeno co meu amigo Miguel Vázquez Freire, con quen despois me embarquei nuns cantos proxectos. Aquí reproduzo o texto:
MAMÁ LOBA E OS TRES LOBIÑOS

Hai moito, moito tempo, cando as andoriñas aínda non aprenderan a facer os seus niños nas antenas parabólicas, había unha Mamá Loba que tiña tres fillos. Todos os días, antes de marchar a traballar, Mamá Loba dáballes as mesmas instrucións: “Ata que eu regrese, non quero que abrades a porta a ninguén. Sobre todo, debedes ter moito coidado... con quen?” “Co home!”, dixeron os tres lobiños con cara de susto. “Co home, así é, porque é o animal máis astuto e que peor quere aos animais e, de entre todos, aos que menos quere é...” “Aos lobos”, dixeron os lobiños coa mesma cara de susto.

Este era o conto que Mamá Loba contaba aos seus tres filliños. Cada noite, eles non querían durmir se non llelo contaba.

Cando a nai regresou de traballar e atopou a porta da casa aberta, soubo que algo malo, malísimo, viña de pasar. “Ai!, que o home matou aos meus tres filliños. Ai, meu Lobiño maior! Ai, meu Lobiño mediano! Ai, meu Lobiño menor!”

“Mamá, mamá, estou na caixa do reloxo!”

A nai abrazou, entre choros, ao seu filliño e, sen deixar de chorar, díxolle así: “Aprende, meu fillo, que nunca, nunca, nunca, debes desobedecer á túa nai.”

E coloriño colorado, este conto está acabado, e todos os lobos meten o fociño debaixo do rabo.

Cando Mamá Loba rematou de ler o conto, Lobiño pequeno e Lobiño mediano xa estaban durmidos. Pero Lobiño maior non daba collido o sono.

- Ai, mamá, ¿e se vén o home e nos mata coa escopeta?

- Non, meu Lobiño, non. Iso só pasaba no tempo de antes, que agora todos os homes son ecoloxistas e xa non queren mal aos lobos.

E así foi como Lobiño maior ficou tranquilo e moi pronto tamén el quedou durmido.

- Papá, ¿é verdade que todos os homes son xa ecoloxistas?, preguntou o neno a seu pai.

- Non, meu fillo, non. Polo de agora iso só ocorre nos contos.

E o neno tardou aínda bastante tempo en coller o sono...


MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE


A year ago (more or less) the AGPI suggested an exhibition in which each illustrator would draw an image that then a writer would "illustrate" with a text. That is, the opposite to what we usually do. And we all found out it was not so strange, nor illogical. There came out excellent works. In my case, I did it with my friend Miguel Vázquez Freire, with whom I later got on board many other projects. Above these lines is the text. The original version is in Galician, and of course I don't dare translate it!!!! (Miguel would kill me)

No hay comentarios: